Un posible marcador da obesidade nas vesículas extracelulares

Científicos do IDIS de Santiago conclúen que as vesículas liberadas por adipocitos obesos e diabéticos inducen estas patoloxías en adipocitos sans.

O redescubrimento das vesículas extracelulares (pequenas estruturas liberadas por todas as células do organismo), debido ao papel tan importante que xogan tanto nos procesos fisiolóxicos normais como en distintas patoloxías, está a cambiar o paradigma en moitos aspectos da investigación biomédica. En concreto, no estudo das enfermidades metabólicas emerxen como unha nova vía de comunicación entre células independente da vía clásica a través de hormonas. Neste campo, unha investigación recente levada a cabo por investigadores do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS- IDIS), atopou potenciais biomarcadores de obesidade nas vesículas extracelulares liberadas por células de graxa (adipocitos) ao demostrar por primeira vez que o contido das vesículas extracelulares varía segundo a condición patolóxica, sendo unha representación do que está a suceder dentro da célula de orixe.

“O coñecemento sobre estas proteínas pode ser moi valioso como biomarcador de enfermidades metabólicas, xa que puidemos comprobar como as vesículas extracelulares liberadas por adipocitos diabéticos e obesos son capaces de inducir esas mesmas patoloxías en adipocitos sans”, afirma a investigadora do CIBEROBN, María Pardo.

https://www.gciencia.com/saude/un-posible-marcador-da-obesidade-nas-vesiculas-extracelulares/

Original publication can be found at

https://www.mdpi.com/1422-0067/21/6/2252